Skip to main content

Premios Xosé Luis Armesto – As Mariñas Douradas, de loita contra o cambio climático na Galiza (TFG)

A Universidade da Coruña vén de publicar as bases dos novos Premios Xosé Luis Armesto – As Mariñas Douradas, de loita contra o cambio climático na Galiza, creados empregando fondos obtidos da doazón realizada polo que foi Reitor da UDC, Xosé Luís Armesto, quen legou un inmoble á UDC coa condición de destinar os ingresos recadados pola súa venda á creación destes galardóns.
Os premios teñen como finalidade recoñecer e fomentar o estudo e a investigación sobre o cambio climático desde unha perspectiva galega, mediante a concesión anual de galardóns a Traballos de Fin de Grao redactados en lingua galega que acaden a cualificación de sobresaínte. Están dirixidos ao alumnado de titulacións oficiais da UDC.
Cada ano convocaranse dúas edicións, en xuño e outubro, con cinco premios por convocatoria, un por cada rama de coñecemento: Artes e Humanidades, Ciencias Xurídicas e Sociais, Enxeñaría e Arquitectura, Ciencias Experimentais e Ciencias da Saúde. Cada premio terá unha dotación de 1.000 euros.
A temática dos traballos deberá estar vinculada á loita contra o cambio climático en Galicia, desde un enfoque amplo e multidisciplinar. As persoas aspirantes deberán presentar un resumo, unha xustificación da orixinalidade e o traballo íntegro en PDF no prazo que se marque en cada convocatoria, que será publicada no Taboleiro Electrónico Oficial da UDC.