Skip to main content

EXPOSICIÓN ITINERANTE FOTOGRÁFICA PROYECTO RURALtXA!

A Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña acolle a exposición itinerante de RURALtXA!, un proxecto da Universidade da Coruña e da Universidade de Santiago de Compostela para conservar turbeiras e queirogais, e apoiar as actividades tradicionais nas zonas de montaña de Galicia e Euskadi.

• As universidades da Coruña e Santiago de Compostela, xunto coa fundación vasca HAZI, forman o consorcio de entidades participantes no proxecto RURALtXA!, coordinado por Jaime Fagúndez, profesor de botánica da Facultade de Ciencias e investigador do CISPAC - Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais.

• O proxecto RURALtXA!, que conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU, persegue o impulso da bioeconomía rural, revalorizando os usos tradicionais do monte e a gandería extensiva de montaña, ao tempo que se conserva a biodiversidade, con especial atención aos queirogais e ás turbeiras.

• RURALtXA! é un proxecto de tres anos que remata en decembro de 2025 e lévase a cabo en cinco áreas de Euskadi e catro de Galicia. En Galicia desenvólvese en espazos da Rede Natura como a Serra do Xistral e Monte Maior, en Lugo, e noutras áreas de montaña como a Serra da Faladoira, na Coruña, e a Serra da Groba, en Pontevedra. Nestes montes consérvanse amplas extensións de queirogais e turbeiras, así como prácticas tradicionais que contribúen á súa conservación, como o sistema de manexo tradicional dos cabalos salvaxes, a gandería extensiva ou a apicultura.

• Como parte da acción de divulgación do proxecto, deseñouse unha exposición fotográfica que busca dar a coñecer e poñer en valor tanto os hábitats de turbeiras e queirogais cos que traballa o proxecto, como as actividades agrogandeiras tradicionais que os manteñen. Esta exposición propón un percorrido polas relacións entre as xentes e o medio ambiente, así como pola flora, fauna e paisaxes das áreas do proxecto.

• Tras unha xira de case dous anos polos distintos concellos do entorno das áreas do proxecto — Oia, O Rosal, Rábade, Abadín, Gondomar, Baiona e Valadouro—, a exposición pecha a súa xira na Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña.

• A exposición pode visitarse na Facultade de Ciencias (3º andar na zona das máquinas de café) do 6 ao 27 de novembro, de luns a venres, en horario de 09:00 a 21:00. • A mostra fotográfica tamén está dispoñible de forma virtual no espazo web do proxecto: https://ruraltxa.com/publicaciones/