Programa "Xeración de Talento"

Dirixímos a vós desde a Vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade para presentar un novo programa para o noso estudantado. Trátase de “Xeración talento”, un programa promovido e impulsado pola Fundación Princesa de Girona, e que por primeira vez se realiza en colaboración cunha universidade española. Somos, por tanto, pioneiros nesta iniciativa, o cal constitúe un reto ilusionante. Este programa ten por obxecto o desenvolvemento das competencias do alumnado para mellorar a súa empregabilidade, levándoo a cabo a través de itinerarios formativos de mentoría, xuntanzas formativas (sprints) e visitas formativas ás instalacións de empresas líderes en España.
A través deste programa, o estudantado tamén terá a oportunidade de conectar con mozos e mozas de toda España, a través da participación nas actividades que organiza a Fundación e para as cales ofrece axudas económicas en concepto de desprazamento. Igualmente, o estudantado seleccionado poderá participar nos foros do programa «Tour do talento» da Fundación Princesa de Girona.
Somos coorganizadores, conxuntamente coa Fundación Princesa de Girona, deste programa, e entendemos que sodes unha peza clave do mesmo, polo voso coñecemento do título que coordinades e do seu alumnado. Por este motivo solicitamos a vosa colaboración na difusión do programa da forma que estimedes oportuna. Nesta primeira edición hai 10 prazas para toda a UDC, sendo unicamente elixibles estudantes de Grao en terceiro curso ou cursos superiores. O alumnado seleccionado estará invitado a un evento que terá lugar na Reitoría e ao que acudirán representantes da Fundación, da Universidade e outras entidades. Podedes atopar a convocatoria (onde figura a ligazón de inscrición) aquí: Programa Xeracion talento. Para calquera dúbida podedes contactar coa Unidade de Emprego (emprego.vee@udc.gal).
Coidamos que esta é unha excelente oportunidade para que o noso alumnado acelere o seu potencial de cara a mellorar a súa carreira profesional, converténdose, ademais, en membro da “Xeración talento», unha comunidade comprometida, curiosa e corresponsable.
Grazas de antemán pola vosa colaboración.
Recibide un cordial saúdo

Vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade