Skip to main content

Premios TFG Xosé Luis Armesto – As Mariñas Douradas 2026

Informámosvos de que no TEO do día de hoxe se publicou o texto consolidado da resolución reitoral pola que se aproban as bases dos “Premios Xosé Luis Armesto – As Mariñas Douradas, de loita contra o cambio climático na Galiza” e se procede á súa convocatoria para o ano 2026.
Estes premios teñen como finalidade recoñecer e fomentar o estudo e a investigación sobre o cambio climático desde unha perspectiva galega, mediante a concesión de galardóns a Traballos de Fin de Grao (TFG) elaborados en lingua galega e cualificados con sobresaliente.
Convócanse 10 premios cunha dotación económica de 1.000 euros cada un, distribuídos entre as cinco ramas de coñecemento: Artes e Humanidades, Ciencias Xurídicas e Sociais, Ciencias Experimentais, Enxeñaría e Arquitectura e Ciencias da Saúde. 
Poderán participar as persoas que defendesen un TFG nunha titulación oficial de grao da UDC e obtivesen a cualificación de sobresaliente. Nesta primeira edición poderán concorrer os traballos defendidos entre o 1 de xaneiro de 2026 e o último día do prazo de presentación de solicitudes.
As candidaturas deberán presentarse a través do formulario habilitado na páxina web da UDC (https://www.udc.gal/es/goberno/equipo_reitoral/vti/convocatorias/).
O prazo de presentación permanecerá aberto ata as 23:59 horas do 16 de decembro de 2026. 
Co fin de facilitar a máxima difusión desta iniciativa entre o estudantado potencialmente interesado, solicitámosvos que deades traslado desta información a través das canles habituais de difusión do voso centro. 
Moitas grazas pola vosa colaboración.
Un cordial saúdo,
Moisés Canle
 
 
Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización
Universidade da Coruña