Préstamo

Toda a comunidade universitaria dispón dunha Tarxeta de Identificación da UDC. A dita tarxeta serve, entre outras cousas, para levar libros en préstamo da biblioteca.

A duración e o número de documentos en préstamo dependen do tipo de usuario e do tipo de documento que sexa demandado, tal e como queda descrito na seguinte táboa.

Táboa de préstamo

Ademais, existen catro tipos de préstamos especiais,

  • Préstamo restrinxido de fin de semana e festivos: permite dispoñer dalgúns documentos excluídos do préstamo habitual; abranguerá desde o venres, ou día anterior ao festivo, ata o luns ou día posterior ao festivo.
  • Bibliografía recomendada: en casos puntuais, poderase establecer un prazo de préstamo diferente e limitar renovacións e reservas.
  • Préstamo BIC [Biblioteca de Interese Cultural]: préstamo durante 30 días.
  • Préstamo especial en períodos de vacacións: en verán, 21 días; en Nadal e Semana Santa, axustado ao período non lectivo.

Préstamo intercentros

Os usuarios, a través da súa biblioteca, poderán solicitar en préstamo os fondos doutras bibliotecas da UDC sen necesidade de desprazarse, de xeito que recibirán e poderán devolver os documentos solicitados na biblioteca do seu centro. As condicións do préstamo intercentros serán as mesmas polas que se rexe o préstamo habitual, coa salvedade do tempo que transcurre entre o pedido do libro e a súa recepción, que normalmente non supera as 48 horas.

Para máis información, consultade ao persoal da biblioteca.

Préstamo interbibliotecario

A Biblioteca da UDC ofrece aos seus usuarios a posibilidade de solicitar documentos que non se atopan no noso catálogo a outras bibliotecas españolas ou extranxeiras.

Para poder solicitar un libro por préstamo interbibliotecario é preciso consultar previamente o catálogo e comprobar que a obra non está entre os fondos bibliográficos da UDC. Hai outra excepción, que convén ter en conta antes de formular solicitude ningunha: os libros en venda quedan excluídos deste servizo. Ademais, existe a posibilidade de solicitar unha copia [impresa ou electrónica] dun capítulo ou artigo concreto en lugar do préstamo do documento completo. Non obstante, tanto o préstamo interbibliotecario como a fotodocumentación están suxeitos a unhas tarifas.

Poden utilizar este servizo os membros da comunidade universitaria da UDC e os usuarios autorizados que dispoñan do carné de usuario externo. Aquí atoparedes máis información sobre este procedemento.

Para consultas ou cuestións relacionadas co préstamo interbibliotecario, dirixídevos a,

Servizo de Biblioteca Universitaria, Préstamo Interbibliotecario
Edificio Xoana Capdevielle
Campus de Elviña, s/n 15071 A Coruña
Tfno. 981 16 70 00 ext. 5674, 5675, 5676, 5677
Fax 981 16 70 15
Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

Reservas

Os documentos en préstamo poden ser reservados por calquera usuario. Pódense facer tantas reservas como exemplares se poidan retirar en préstamo, pero caducan transcurridas 72 horas dende a recepción do libro por parte da biblioteca. As reservas pódense realizar no mostrador da biblioteca ou por Internet, pero nunca por teléfono.

Na vosa conta de correo electrónico da UDC recibiredes aviso no caso de que a vosa reserva estea dispoñible para seren recollida ou fose cancelada.

Renovacións

O período de préstamo de todos os documentos pode prorrogarse sempre e cando outro usuario non os solicite; é dicir, cando non teñan reservas pendentes. As renovacións pódense facer de tres xeitos diferentes,

  • Achegándote ao mostrador da biblioteca.
  • Por teléfono, chamando ao 981 167 000 extensión 2059.
  • Por Internet, na ligazón O meu rexistro.

A data de renovación contabilízase a partir do día no que se solicita e non do día no que vence o préstamo.

Devolucións

Segundo as normas de préstamo é obrigatorio devolver os libros dentro da data límite, sempre que non se fixera unha renovación. Desta forma pódese garantir o bo funcionamento do servizo en beneficio de todos.

O incumprimento reiterado da normativa de préstamo e devolucións suporá unha suspensión temporal do servizo de préstamo, de xeito que o usuario non poderá coller ningún documento durante tantos días como puntos de penalización teña, a razón dun punto por documento e día, agás fins de semana e festivos. O sistema funciona en tramos de 10: 9 multas non penalizan, pero 11 multas penalizan durante 10 días. Ademais, o deterioro ou perda de libros suporá a súa reposición ou abono metálico.

Na vosa conta de correo electrónico da UDC recibiredes avisos de reclamación de documentos non devoltos e de notificación de sancións.