A biblioteca dispón de 162 postos de lectura, dispostos en 27 mesas de 6 prazas, para a consulta dos seus fondos e para o estudo. As mesas contan, cada unha, con 2 lámpadas fluorescentes e 4 enchufes.

O fondo está en libre acceso para facilitar o seu uso, a excepción dos materiais especiais [mapas, CDs, DVDs, videos, teses, TFG, etc.], que é necesario solicitalos no mostrador da biblioteca para poder consultalos.

Na planta baixa están o mostrador de información, a maioría dos postos de lectura, parte da colección de monografías e, de ser o caso, algunha exposición conmemorativa. Na primeira planta atoparedes o resto de monografías e a hemeroteca, constituída por publicacións periódicas de carácter científico e divulgativo.

Temos 4 ordenadores de uso público, que poderedes utilizar para consultar o catálogo da biblioteca ou calquera dos recursos online que ten suscritos a UDC. Todos eles están conectados a unha impresora láser B/N.

Ademais, a biblioteca conta cun lector de microfichas, para consultar os materiais cuxo formato sexa microforma, e cunha fotocopiadora, que poderedes usar coas tarxetas do Servizo de Reprografía.