HORARIOS

Que horario ten a biblioteca?
Depende do período do ano.
Durante a época lectiva, será de luns a venres de 8.30h a 21.30h de xeito ininterrompido.
Durante o período non lectivo é variable: na segunda quincena do mes de xullo, en Nadal e en Semana Santa, o horario será de 8.45h a 20.45h; en agosto, de 9.00h a 14.00h.
Informarase de calquera cambio mediante carteis e actualizacións de estado en Facebook e Twitter.

A biblioteca abre as fins de semana?
Actualmente, a biblioteca non funciona nin sábados nin domingos.

 

PRÉSTAMO

Cantos documentos e por canto tempo podo levalos en préstamo?
Iso depende do tipo de usuario e do tipo de documento.

Cambian os prazos de préstamo durante os períodos de vacacións?
Durante os períodos de vacacións [Nadal e verán] poderán establecerse prazos de préstamo dunha duración extraordinaria, que se comunicarán coa suficiente antelación.

Que identificación necesito para o préstamo?
A Tarxeta de Identificación Universitaria da UDC. Nalgúns casos bastará cun documento acreditativo da identidade: DNI, pasaporte...

Como podo renovar os meus préstamos?
Podes renovar o préstamo dun documento sempre que outro usuario non teña solicitado ese documento. Podes facelo de tres xeitos,
> Achegándote ao mostrador da biblioteca.
> Por teléfono, chamando ao 981 167 000 extensión 2059.
> Por Internet, na ligazón O meu rexistro.

Que acontece se devolvo os libros con atraso?
O atraso na devolución xera 1 punto negativo por cada libro e día de retraso. Os puntos funcionan en bloques de 10, de modo que ao sumar 10 quedarás excluído do préstamo por 10 días.
Se acumulas, poñamos por caso, 14 puntos terás unha suspensión de 10 días. Seguirás mantendo os 4 puntos restantes, iso si, que se irán sumando aos puntos que acumules no futuro, ata volver a xuntar 10 [ou un múltiplo de 10] e xerar un novo período de exclusión.
No caso de xerar dunha soa tacada, por exemplo, 60 puntos [un atraso de 10 días en 6 libros] quedarás excluído do préstamo durante 60 días.

Como podo reservar un libro que está prestado?
Cando un libro está prestado existe a posibilidade de efectuar unha reserva, de xeito que, cando o devolvan, a biblioteca avisarache por correo electrónico e gardarache o libro durante 48 horas. As reservas pódense realizar no mostrador da biblioteca ou por Internet, a través da ligazón O meu rexistro, pero non por teléfono.
Pódense facer tantas reservas como exemplares se podan retirar en préstamo.

Como saber que documentos teño prestados ou reservados?
Na ligazón O meu rexistro.

Podo sacar unha revista en préstamo?
Non. As publicacións periódicas só poden consultarse dentro da biblioteca.

Existen documentos excluídos do préstamo?
Ademais das revistas, tamén están excluídas de préstamo as teses e tesinas, as obras de referencia, as obras de especial valor e, en xeral, os libros cuxa etiqueta sexa de cor vermella.

Non son membro desta universidade, podo utilizar a biblioteca? Podo sacar libros en préstamo?
A biblioteca está aberta a calquera que precise usar os seus fondos, pero algúns servizos están restrinxidos aos usuarios, como no caso do préstamo.
Podes solicitar a condición de usuario externo autorizado para ter acceso a estes servizos. Para facelo é necesario cubrir a solicitude e acompañala dunha fotocopia do DNI.

Que é o préstamo interbibliotecario?
É o servizo que a biblioteca ofrece aos seus usuarios para solicitar documentos que non se atopan no catálogo da UDC a outras bibliotecas españolas ou estranxeiras. O servizo exclúe obras do catálogo da UDC ou que estean á venda e está suxeito a unhas tarifas. Toda a información necesaria sobre o préstamo interbibliotecario podédela atopar aquí.

Podo saber que libros tiven en préstamo no pasado?
Si, consultando o teu historial de préstamos en O meu rexistro. O seu funcionamento está explicado neste videotitorial.

 

REFERENCIA

Podo presentar suxestións ou queixas sobre a biblioteca?
Por suposto. Podes facelo persoalmente ou mediante correo electrónico, chat ou redes sociais. Se queres unha resposta, é indispensable que deixes o teu nome e, cando menos, unha dirección de correo. Aínda que non é imprescindible, si recomendamos facelas por escrito.

 

 OUTROS SERVIZOS

Podo acceder aos recursos electrónicos dende fora da rede da UDC?
Para consultar a colección electrónica [revistas, libros, bases de datos, etc.] dende os ordenadores que non están conectados a rede da UDC, utilízase o sistema de autenticación mediante login e password vía Servizos UDC.
Atoparedes máis indicacións sobre como utilizar este servizo no apartado Acceso dende casa.

 

USO DO CATÁLOGO

Como podo acceder á bibliografía que recomendan os meus profesores?
Tes buscadores específicos de bibliografía recomendada tanto no catálogo como nesta mesma web. Ambos permiten buscar polo nome do profesor ou da materia de clase.

Podo imprimir ou gardar os resultados das miñas buscas?
Si, os rexistros pódense imprimir, gardar ou enviar por correo electrónico. Para facelo é necesario primeiro gardalos [coa icona da cesta], velos e exportalos. Que información me ofrecen os rexistros do catálogo?
> Os datos básicos de identificación do libro ou revista: autor, título, publicación, edición, descrición física, materia, ISBN/ISSN, etc.
> Os datos da súa localización na UDC: en que biblioteca está e a súa situación nos andeis.
> A súa dispoñibilidade [se está prestado ou non] e o tipo de préstamo que ten [normal, fin de semana, etc.]
> Nas revistas, os números que hai.
> Nos recursos electrónicos [bases de datos e revistas e libros electrónicos], unha ligazón ao recurso.

 

FORMACIÓN

Ofrece a biblioteca algún curso de formación?
O Servizo de Biblioteca da UDC organiza periodicamente cursos sobre o uso dos seus servizos, catálogo... e sobre recursos concretos. Anúncianse con antelación mediante carteis e actualizacións de estado en Facebook e Twitter.
Ademais, na sección Cursos mantemos ligazóns cara a cursos, titoriais ou calquera actividade desenvolvida polos provedores dos recursos electrónicos da BUDC.

 

ADQUISICIÓNS

Como podo propoñer a adquisición de documentos para a biblioteca?
Se es profesor, deberás cubrir este formulario, imprimilo e entregalo na biblioteca.
Se es estudante, deberás cubrir este outro formulario e ben imprimilo e entregalo na biblioteca, ben enviárnolo por correo electrónico.

Quen pode solicitar a adquisición dunha obra?
Toda a comunidade universitaria e tamén os usuarios externos.

Como podo ver as últimas adquisicións?
No apartado Novidades no catálogo da páxina inicial do catálogo da BUDC, podendo seleccionar aí a biblioteca de centro que vos interese.
Nesta web, no apartado Novidades, podedes consultar directamente as relativas á Biblioteca da Facultade de Ciencias.

Podo saber se un libro pediuno xa a biblioteca para compralo?
Si, buscándoo no catálogo. Se está pedido aparecerán os seus datos e a biblioteca de centro que o ten solicitado.

 

REPROGRAFÍA

Podo fotocopiar documentos na biblioteca?
Si, pero tendo en conta a lexislación vixente en materia de dereitos de autor.
A biblioteca conta cunha fotocopiadora de autoservicio que funciona mediante tarxeta. Xa que a fotocopiadora pertence ao Servizo de Reprografía, calquera problema con ela só poderá ser resolto por dito servizo, aínda que o persoal bibliotecario poderá facer de intermediario.

Onde podo adquirir a tarxeta para facer fotocopias?
No Servizo de Reprografía, situado no baixo do edificio da Facultade de Ciencias, en fronte da parada do bus.

 

USO E ATENCIÓN NA SALA

Pódese pedir axuda ao persoal da biblioteca?
Todo o persoal da biblioteca está a disposición do usuario. Ademais, existe persoal especializado para atender cada unha das actividades e servizos que se levan a cabo na biblioteca. Se precisas axuda en calquera aspecto, non dubides en solicitala no mostrador nin en poñerte en contacto connosco a través do teléfono ou do correo electrónico.

Que significa a cor das etiquetas nos libros?
Poderedes encontrar libros con etiquetas de diferentes cores: branca, vermella, verde ou azul, segundo o seu tipo de préstamo. Tamén existen as etiquetas amarelas, que indican se un libro é bibliografía recomendada.
> Branca: son libros de préstamo normal.
> Vermella: son libros de préstamo en sala, é dicir, que non poden levarse para a casa.
> Verde: son libros de préstamo de fin de semana, é dicir, préstanse os venres e hai que devolvelos o luns seguinte.
> Azul: son libros da Biblioteca de Interese Cultural, cuxo prazo de préstamo é de 30 días.

Roubáronme ou perdín algo, a quen debo dirixirme?
Cada usuario é responsable dos obxectos persoais que introduce na biblioteca e da súa vixilancia. Podedes comunicar a súa perda ou roubo no mostrador de préstamo, onde estaría depositado o obxecto en caso de que aparecera. Tamén podedes dar aviso en conserxería. Aconsellamos non deixar ningún obxecto persoal de valor [ordenador portátil, calculadora, carteira...] sen custodia.

Que fago se o ordenador da biblioteca quedáseme bloqueado?
Debedes dirixirvos ao mostrador para notificalo e trataremos de solucionalo. En caso de ser necesario, daremos aviso aos informáticos encargados do seu mantemento.

Poden usarse os ordenadores da biblioteca para conectarse a Internet?
A biblioteca conta con ordenadores con acceso libre a Internet, aínda que están destinados principalmente á consulta dos recursos recompilados pola biblioteca. En todo caso, os usuarios que utilicen os ordenadores para tarefas relacionadas coa biblioteca terán prioridade sobre os demais, tendo dereito a solicitarlles a cesión do sitio de ser necesario.

Que podo imprimir na impresora?
En xeral, calquera cousa relacionada con buscas de información documental ou bibliográfica. En ningún caso se deberán imprimir traballos nin temas de clase.

Podo comer ou beber na sala?
Sí; no caso de bebidas como café ou refrescos, coidando de non estragar os libros.

Podo reservar sitios?
Non. A biblioteca está destinada a calquera persoa que necesite dela. Por tal motivo, os sitios deben estar dispoñibles para que calquera usuario poda acceder aos seus servizos.

Podo usar o móbil?
Podes usalo pero non para falar, xa que pode distraer e molestar ao resto dos usuarios. Debes telo en silencio ou apagado.

Podo usar o meu ordenador portátil?
Si, sempre que os altofalantes estean apagados para non molestar ao resto de usuarios. Ademais, en caso de que o portátil teña tarxeta de rede sen fíos, poderás acceder a Internet a través da rede WiFi da Universidade. Para o seu uso é necesario terse dado de alta no xestor de identidade corporativa da UDC.

Que fago se o meu portátil non detecta a rede, ou a detecta pero non podo acceder?
Debes acudir ao contacto de UDCWiFi.