O recoñecemento de que os solos constitúen a base do desenvolvemento agrícola, das funcións esenciais dos ecosistemas e da seguridade alimentaria e son un elemento clave para o mantemento da vida sobre a Terra, entre outras cousas, é o que fixo que a Asemblea Xeral da ONU declarara 2015 Ano Internacional dos Solos.

O lanzamento do Ano Internacional dos Solos organizouse o 5 de decembro de 2014 con motivo do primeiro Día Mundial do Solo.

"Necesitamos solos saudables para acadar os nosos obxectivos de seguridade alimentaria
e nutricional, para combater o cambio climático e garantir un desenvolvemento sostible en xeral.
Os solos tamén albergan polo menos unha cuarta parte da diversidade do mundo.
Eles son a clave do ciclo do carbono. Axúdannos a mitigar e adaptarnos ao cambio climático.
Desempeñan un papel importante na xestión da auga e na mellora da resiliencia
ante as inundacións e secas. As múltiples función dos solos as veces pasan desapercibidas.
Os solos non teñen voz e poucas veces falan por eles.
Son o noso aliado silencioso na produción de alimentos."

José Graziano da Silva, Director General de la FAO.

Esta Biblioteca, como en anos anteriores fixo con outras conmemoracións, quixo participar dalgún xeito con este acontecemento expoñendo unha selección do fondo bibliográfico que posúe sobre solos, tanto dende o punto de vista da súa xestión como da diversidade que alberga ou a súa achega ao medio ambiente; amais dunha recopilación de recursos en liña relacionados co AIS 2015.

A exposición, como é habitual, contou con dúas versións paralelas: unha presencial e outra virtual. O eixo vertebrador das dúas foi a guía bibliográfica, aínda dispoñible en liña: 33 páxinas coa descrición de todos os recursos seleccionados. Ademais, seguindo a tradición e para que a integración entre as dúas versións fose total, creamos unha galería fotográfica con instantáneas da mostra presencial que podedes visualizar a través de Flickr, Google+ ou Facebook.