No ano 2009 celebramos o bicentenario do nacemento de Charles Robert Darwin e os 150 anos da publicación da súa obra máis famosa, A orixe das especies.

Charles Darwin foi, sen dúbida, unha das personalidades máis representativas da revolución científica do século XIX, e a súa importancia transcendeu o mero interese histórico. A súa teoría da evolución achegounos ao coñecemento do desenvolvemento e diversificación da vida na Terra e o lugar que ocupa a humanidade na natureza. Os mecanismos evolutivos que el describiu son a base das actuais investigacións científicas sobre cuestións como a biodiversidade, o cambio climático, a loita contra as pragas ou as enfermidades infecciosas.

Para conmemorar tan sinalada data, na Biblioteca da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña propuxémosvos unha viaxe, en forma de exposición bibliográfica, á vida e á obra de Darwin e ao que outros escribiron del: A illa de Darwin.

A exposición rematou en xaneiro de 2010, obviamente; pero aínda podedes consultar a súa guía bibliográfica en PDF.