Seguindo a tradición instaurada no 2009 coa celebración do Ano Darwin, que esta biblioteca conmemorou coa exposición dos fondos bibliográficos que temos de e sobre Darwin, no 2010 tocounos conmemorar a declaración do ano 2010 como Ano Internacional da Diversidade Biolóxica.

A Biblioteca da Facultade de Ciencias quixo participar nesta celebración cunha exposición física e virtual, ambas finalizadas en xaneiro de 2011, da selección bibliográfica que temos sobre a biodiversidade.

"A característica máis destacada da Terra é a existencia de vida, e a característica máis destacada da vida é a súa diversidade."

David Tilman (2000): Causes, consequences and ethics of Biodiversity. Nature, 405: 208-211.

A exposición só reflictiu unha pequena parte da selección bibliográfica, que foi rotando e actualizándose cada certo tempo. Porén, na guía bibliográfica, aínda dispoñible en PDF, podedes atopar a selección documental completa: preto de 200 monografías, 50 publicacións periódicas e múltiples recursos en rede.

Tamén podedes contemplar, no noso Flickr, unha pequena galería fotográfica con imaxes da versión física da exposición.