2009 foi o chamado Ano Darwin, celebración do bicentenario do nacemento de Charles Darwin e dos 150 anos da publicación de A orixe das especies. Nós, na medida das nosas posibilidades, quixemos participar nesta conmemoración organizando unha exposición formada polo material bibliográfico que tiñamos na BUDC escrito por e sobre Darwin. Dende entón, non paramos.

A ONU asigna a cada ano a celebración dun feito, lugar, ciencia ou materia. Aproveitamos que, dende 2009 ata 2015, sempre houbo algún relacionado cos campos de estudo da Facultade de Ciencias para organizar as nosas propias exposicións conmemorativas: seleccións documentais, presenciais e virtuais, sobre o tema homenaxeado. A partir de 2017, ao non coincidir os anos internacionais coas temáticas propias da nosa biblioteca, fomos improvisando.

As versións presenciais, obviamente, non permanecen: rematan cando remata o ano en cuestión. As virtuais retirámolas, si, pero sempre deixamos en liña unha breve referencia ao que foi e un enlace á súa guía bibliográfica completa.