Última

Estrategias de divulgación científica

Seguí Simarro, José María; Poza Luján, José Luis; Mulet Salort, José Miguel
Estrategias de divulgación científica
Valencia: Universitat Politècnica de València, 2015
CO-98

Os autores deste volume saben moito de divulgar a ciencia. Un exemplo: o biólogo José María Seguí Simarro, ademais de ter un importante número de artigos científicos, publicou media ducia de libros; deles, un ten o Premio Prismas Casa de las Ciencias al Mejor Texto Inédito de Divulgación Científica e outro o XVII Premio Europeo de Divulgación Científica "Estudi General".

A divulgación non é un concepto estraño para os científicos porque, máis tarde ou máis cedo, por vocación ou por necesidade, o investigador terá que saír do seu laboratorio (si, si, liches ben: sair do laboratorio) e comunicarse coa sociedade. Chegado o momento, é importante saber como facelo ben porque non é o mesmo escribir para compañeiros de profesión que para xente que só ten o interese pero non a preparación e que, ademais, non vive nun medio científico nin académico.

O libro propón ter ganas e ilusión por comunicar e unha serie de pautas e estratexias que pasan por elixir ben os formatos divulgativos ou empregar unha linguaxe adecuada, datos e gráficos. Tamén presenta cuestións moi practicas, como os pasos a seguir cando os medios de comunicación solicitan os vosos coñecementos ou valoracións ante un feito de actualidade.

Non remata aquí a cousa. Xa que é un libro escrito por investigadores para investigadores, no último capítulo expón as chaves sobre como usar redes sociais ou blogues e suxire outros mecanismos para dar a coñecer ben a vosa produción científica.

Anteriores

El ADN de Locard: genética forense y criminalística

Hombreiro Noriega, Luis
El ADN de Locard: genética forense y criminalística
Madrid: Reus, 2013
G-920

Edmon Locard (1877-1966) foi un criminalista francés, considerado un dos principais pioneiros da súa disciplina. Ademais da poroscopía, deixou para a posteridade o chamado Principio de Intercambio de Locard: a idea de que "sempre que dous obxectos entran en contacto transfiren parte do material que incorporan ao outro".

Este libro, dirixido a estudantes e profesionais do Dereito e da Criminalística e Forzas e Corpos de Seguridade, utiliza como guía os principios de Locard, as leis clásicas da Criminalística para facer unha revisión exhaustiva das bases da Xenética Forense. Así, con Locard como mentor, percorremos o estudo de todo tipo de mostras: desde o ADN nuclear, mitocondrial, humano, animal, vexetal e de microorganismos ata o seu uso por parte da Policía e os Tribunais de Xustiza. Vaia, os CSI pero de verdade.


Mujeres

Ruiz Ruiz, Isabel
Mujeres + Mujeres 2
Madrid: Ilustropos, 2016
DIV-229/I + DIV-229/II

Junko Tabei foi a primeira muller en alcanzar a cima do Everest. Hilma af Klint foi una artista sueca pioneira no arte abstracto. Clara Campoamor impulsou o sufraxio feminino en España. Emma Goldman foi pioneira na loita pola emancipación da muller. Irena Sendler salvou a máis de 2500 nenos e nenas xudeus durante a Segunda Guerra Mundial.

Son fitos que deberían de estar ben instalados na memoria cultural e histórica colectiva, pero aos que non sempre se lles concede a importancia que merecen. Hai, e non é difícil atopalo, un denominador común a todos eles: os nomes protagonistas son nomes de muller.

Isabel Ruiz Ruiz, ilustradora e licenciada en Belas Artes, creou en 2015 o álbum Mujeres, ao que seguiu Mujeres 2 un ano despois. Ideounos e publicounos –isto último grazas á plataforma de micromecenado Verkami– precisamente coa intención de axudar a dar maior visibilidade a eses nomes femininos que quedaron inxustamente esquecidos ou, aínda peor, non aparecen en libro de Historia ningún.

Trinta e seis ilustración de outras tantas mulleres –dezaoito por volume– as que acompaña un breve extracto biográfico de cada unha delas. Inclúe poetas, pintoras, científicas ou políticas; españolas e estranxeiras; contemporáneas ao noso tempo ou non; pero sempre mulleres "que merecen ser parte dos referentes dos nosos fillos e fillas".

Os álbums non quedan na manida superficie de figuras tan recoñecidas como Marie Curie, María Moliner, Virginia Woolf ou Frida Kahlo, senón que profundan e recuperan outras non tan presentes como Isadora Duncan, considerada a creadora da danza moderna; Dian Fossey, zoóloga autora de Gorilas na néboa; Valentina Tereshkova, primeira astronauta en viaxar ao espazo; ou Rosa Parks, activista norteamericana en favor dos dereitos civís.

Oxalá a cousa non quede aquí e neste 2017 vexamos publicado Mujeres 3. Porque, en palabras de Isabel Ruiz, cómpre lembrar que "a Historia non está completa sen nosoutras".


As recomendacións de anos anteriores están dispoñibles en formato PDF: podédelas descargar aquí.