RefWorks

RefWorks

RefWorks é un xestor de referencias bibliográficas en entorno web que, unha vez rexistrados e mediante a nosa conta individual de usuario, permitiranos entre outras cousas,

> Crear unha base de datos persoal para almacenar referencias importadas ou engadidas manualmente.
> Xestionar as referencias creando carpetas por materias, asignaturas, proxectos, etc.
> Xerar automaticamente bibliografías en diversos formatos [MLA, Vancouver, etc.] das referencias gardadas e exportalas de xeito doado a un documento de texto.
> Publicar bibliografías en Internet con RefShare.

Actualmente conviven dous RefWorks: a versión antiga, que desaparecerá definitivamente a primeiros de 2018; e a versión nova que substituirá á anterior. Para coñecer máis sobre o funcionamento de RefWorks podedes consultar a guía [para a versión antiga] ou os seus seminarios en liña [para a nova].

Researcher ID

Researcher ID

Researcher ID é unha ferramenta que soluciona o problema da ambigüidade nominativa dos autores dentro da comunidade científica.

Os investigadores rexistrados en Research ID reciben un identificador único e estable nunha das maiores bases de datos do mundo, Web of Science. O dito identificador permítelles administrar a súa lista de publicacións, realizar un seguimento de citas e o seu índice h e, tal vez o máis importante, evitar erros ou duplicidades no nome que os identifica como autor.

Amais, é compatible con ORCID, sistema global en acceso aberto de identificación para investigadores, de xeito que é posible intercambiar datos entre perfís de ambas plataformas ou actualizar ambas simultánea e automaticamente.

Nesta guía atoparedes máis información sobre o funcionamento e as utilidades de Researcher ID.

LibX

LibX

LibX é unha aplicación que nos permite acceder aos recursos de calquera catálogo bibliográfico -no noso caso, ao catálogo da BUDC- dende unha barra de busca instalada directamente no noso navegador, sempre que este sexa Mozilla Firefox ou Google Chrome.

A súa funcionalidade principal consiste en permitir realizar buscas bibliográficas sen necesidade de acceder ao catálogo da BUDC, opción que ven determinada por defecto. Porén, podémola utilizar tamén para buscar en SFX, Google Scholar ou CiteULike. Permite seleccionar os campos nos que queremos realizar a procura, e incluso combinalos nunha soa. E inclúe outras utilidades, como a posibilidade de extrapolar buscas feitas noutros buscadores ou servicios [Google, Amazon, etc.] ao catálogo bibliográfico.

A edición de LibX máis útil para a comunidade da UDC é o do Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia, que poderemos descargar dende LibX.org. Lembrade que debemos instalar a versión correspondente ao navegador que esteamos utilizando. Ademais, nesa mesma páxina pódense consultar con maior detalle todas as funcionalidades de LibX.

Por outra parte, na web de Madroño dispoñen dalguns videotutoriais que, aínda que se refiren á edición de LibX personalizada para dito consorcio, poden ser bastante útiles; podémolos visualizar aquí.

BX Hot Articles

BX Hot Articles é un novo servizo que a Biblioteca da UDC, grazas a Bugalicia, pon a disposición de todos os seus usuarios. Tratase dunha aplicación na que podedes ver os artigos científicos máis populares en cada momento.

Na páxina inicial os artigos corresponden a todas as materias, pero no despregable podedes elixir a que máis vos interese: agricultura e silvicultura, física, química, bioloxía, matemáticas... para estar ao corrente do que se publica na materia na que traballedes.

O seu algoritmo de relevancia baséase no cruce de información sobre as tendencias de uso de múltiples institucións e millóns de investigadores ao redor do mundo.

Ademáis da propia listaxe, permite,

> Recuperar o texto completo en formato electrónico dos documentos se a UDC os ten subscritos.
> Enviar a referencia dos artigos por correo electrónico.
> Recibir unha notificación cada vez que a lista se actualiza.

Vos preguntaredes como usalo; é moi sinxelo e hai varias formas,

> Podedes consultalo na web de Bugalicia ou directamente aquí.
> Hai unha versión para iPhone e para móbiles Android que podedes descargarvos e instalar seguindo os pasos que vos indica o titorial de Bugalicia.